Entrevista a Jairo Iglesias
Antes de comezar, teño que agradecer a Jairo, que me concedese o seu tempo a contestar as numerosas preguntas que lle fixen... Esta entrevista vén o caso para un traballo no que teño postas moitas esperanzas de Producción Publicitaria nos Medios Impresos. É un catálogo de productos de Cinemas da Lúa, aínda que eu centreino máis coma unha revista informativa...
Aí vos vai, desfrutade dun galáctico do cine:
Entrevista a Jairo Iglesias Martínez. Director de cine.
Jairo Iglesias é unha das grandes promesas do cinema galego. Ten nada máis e nada menos que 19 anos. Dende os 13, coa súa primeira cámara de vídeo, comeza a sentirse atraído polo mundo da imaxe e do cinema. É un grande admirador de Alejandro Amenábar, e considera a película Tesis, foco da súa inspiración. Ós 18 anos matricúlase na Escola de Imaxe e Son da cidade de A Coruña, e en 2005, é director de dúas Retrato, rodada en castelán, pero cun reparto galego envidiable, con Tamar Novas (Goya a mellor actor revelación), Sara Casasnovas, María Castro e César Goldi entre outros. Esta curtametraxe estreámola en Cinemas da Lúa, os días 14 e 16 de Febreiro ás 22.00 h. O director ten novos proxectos ilusionantes, e que esperemos, cheguen a ser tan exitosos ou máis, do que foron os anteriores (aínda que máis é difícil). Ademáis, é amigo meu, é coñézoo dende que ten catro aniños. Dá gusto ver como un amigo da infancia está a colleitar semellantes éxitos.
A- Primeiro de todo, fálenos das súas primeiras andanzas no mundo da cámara... Como e cando ocorreron?
J- Pois a verdade hai que remontarse moitos anos atrás cando collin unha cámara por primeira vez, debía de ter calculo eu uns cinco anos e pedíalle a cámara nas vacacións en Ribeira ós meus pais e grababa o cú da miña tía e cousas así.
Xa falando máis en serio, meu pai nos regalou unha cámara no ano 98 por reyes e intereseime para ver como funcionaba...
A- É vostede admirador de Amenábar, e Tamar Novas traballou con el na oscarizada película Mar Adentro... Que detalles lle puido contar Tamar sobre o director? Podería dicir que é o seu modelo a seguir? Hai outros directores que lle gusten persoalmente?
J- Sí, a verdade eu lle debo moito a Alejandro, xa que foi gracias a el polo que eu me interesei neste mundo, e quizás a razón pola que agora estou disfrutando facendo o que máis me gusta. Creo que sí que é o meu modelo a seguir, xa que me interesa moitísimo o seu cine.
Eu creo que traballar con Tamar foi un luxo. Teño sorte porque é amigo meu tamén, e incluso fumos a ver Mar Adentro xuntos ó cine e me ía comentando cousiñas da película.
Cando comezas a ver cine ves directores que te chaman moito a atención. No meu caso e influenciado por Amenabar destaco a Alfred Hitchcock, o gran maestro; aínda que tamén me gusta xente como Shyamalan ou algúns clásicos coma Lubitchz.
Españois destacaría a Benito Zambrano, Berlanga, FF Gomez ou Fernando León de Aranoa.
A- Antes de ser director, realizou vostede outros traballos coma operador de cámara, edición. Fálenos do que supuxeron estas experiencias na súa traxectoria...
J- Eu creo que a escola de imaxe marcou un antes e un despois na miña vida. Antes dedicábame a facer os meus traballos en vídeo, pero cando coñeces xente igual ca ti, interesada no mundo pódense facer cousas moi boas.
Eu estudio imaxe de feito e fun operador de cámara en moitos documentais e curtas, e aparte da práctica que colles e do aprendizaxe, sirve para ver como traballan outros realizadores nas mesmas condicións ca ti, ou serve para ver a curta dende outro punto. A min gústame moito coller a cámara e creo que á hora de facer as túas propias produccións serve de moito porque coñeces mellor as distintas posibilidades da cámara ou dos operadores, e incluso á hora da planificación do guión técnico.
A- Agora adentrémonos no mundo de Retrato... Cal foi o motivo que lle inspirou a realizar esta curtametraxe?
J- Eu penso que ó principio era máis o rodar o meu primeiro corto que outra cousa. A historia non me chamaba moito ó principio, ata que fun desarrollando un guión máis estable e serio.
Despois o de rodar o primeiro corto era unha anédota e primaba a historia que queríamos transmitir.
A- Cal sería a mensaxe que tratar de enviar os espectadores?
J- Retrato quere dicir carpe diem...retrato quere intentar ver que moitas veces perdemos o tempo por culpa do medo a decidirnos. Eu creo que hai que disfrutar dos segundos que nos regalan, que máis adiante xa haberá tempo de chorar por eles.
A- Con que medios contou para levar a cabo a curtametraxe? Cal era o presuposto establecido?
J- Pois o presuposto éramos nós mesmos, xa que non tiñamos ningunha productora detrás. Conseguimos equipos gracias á Escola de Imaxe e Son da Coruña. Tamén aproveito para darlle ás gracias ó director de foto, Andrés Victorero, xa que foi el mesmo quen prestou todo o material e iluminación, e a Yago de sonido que fixo o propio.
Entre o que tiñamos todos logramos tirar do carro.
A- Como maquinou a idea da curtametraxe? Foi algo impulsivo ou máis ben foi pulido ata sacar a idea definitiva?
J- A idea principal mantívose dende o principio. Retrato nace un día que estaba eu a estudar nuha biblioteca; había un señor un tanto estrano ó meu lado...e a miña cabeza empezou a inventar unha conversa entre os dous. A partir de ahí creei a demais historia, todo-los personaxes, a mensaxe...
Aínda así a fase de escribir o guión non rematou ata poucas semanas antes de rodar, xa que fun introducindo cambios ata o final. De feito, agora que vexo faios do guión, pero xa non se pode facer nada, tírome dos cabelos...pero eu creo que son cousas que sirven para mellorar.
A- Como foi a preparación dos actores? Enfádase moito cando as cousas non saen coma un quere?
J- Pois eu tiven a sorte de traballar cun reparto de luxo e que non me fixo enfadar absolutamente nada. Cando traballas con actores profesionais é moi doado rodar cada unha das escenas porque entenden o que buscas á perfección.
Sergio Suárez, o rapaz pequeno, non é profesional pero incluso con el fixo as cousas perfectas dende o principio. Tiña un diálogo coa súa suposta nai que a mi me sorprendeu, porque o fixo tal e como o tiña eu na cabeza cando escribía o guión.
A- Supoño que cun reparto desta índole foi doado facer a curtametraxe...
J- Moi doado, como xa dixen antes. E dende aquí lles estou moi agradecido.
A- Que pensas do cinema galego? Está en expansión ou en decadencia? Que considera vostede realmente cinema galego?
J- O cinema galego eu creo que está un pouco estancado. Facer cine é moi caro, e EEUU está copando a cartelera polo que é moi difícil facerse un oco.
Penso tamén que non se dan moitas oportunidades por medo a non rentabilizar e iso fai que non avancemos.
Eu creo que o cinema galego é o que está feito por galegos, a pesar do idioma. Moitas veces se escolle un idioma ou outro dependendo da historia, do lugar...de moitos factores que moitas veces favorecen á propia historia. Non creo que sexa unha decisión de ser máis galeguista ou menos.
A- Cinemas da Lúa aposta pola curtametraxe, realizando un pase semanal polo módico prezo de 1 €... Que opina do panorama actual das curtametraxes?
J- Hai xente moi boa. As curtas poden ser unha carta de presentación moitas veces para productores, para que crean en ti...pero eu creo que é moito máis.
X.L.Cuerda di que ‘para que contar en dúas horas unha historia que se pode contar en dez minutos’ e eu creo que ten razón. Hai historias que en longametraxe non funcionarían igual que funcionan en curtas. Se tivera que elixir os meus directores favoritos de curtas serían Iván Sáinz-Pardo e Oskar Santos. Galegos destacaría a Alberto Ponte e Alex Sampaio.
A- Por último, e reiterando os nosos agradecementos, fálenos dos seus próximos proxectos... Como van encamiñados, que temática perseguen...
J- Pois por sorte, algunha xente do equipo fixemos unha especie de productora para levar a cabo os nosos próximos proxectos, e así como grupo loitar para que salgan adiante, producciones RETRATO.
E a verdade é que moi ben, en febreiro rodaremos o que será a miña segunda curta ‘CICATRICES’, unha curta de tema social pois xira entorno a tres terapias de grupo: ex maltratadas, ex prostitutas e ex alcohólicos.
En setembro grabaremos un proxecto máis coidado e esperemos que con presuposto, que creo que se chamará ‘A ROSA DOS VENTOS’ que contará a historia dunha viuda na costa da morte, falará do mar e da soidade. É casualidade porque se acaba de estrenar unha serie de temática similiar na TVG, pero por sorte eu xa teño o guión escrito dende fai tempo e polo menos non me poderán dicir que o copie.
Moitas grazas pola entrevista Andrés, e xa sabes que estou aquí para o que precises. Un saúdo.
Moitísimas grazas por concedernos esta entrevista. Esperamos que Retrato sexa un de moitos exitazos. Unha aperta Jairo. E Noraboa.
Entrevista de: Andrés Rozados Lorenzo
3 comentarios
ignacio benedeti -
eue -
Jairo -